
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela é un dos centros participantes no Spanish CLARIN Centre-K e ten como obxectivo promover e apoiar o uso da tecnoloxía na investigación en Lingüística Galega, pero tamén en Humanidades e Ciencias Sociais.

Contamos cunha lista de difusión de CLARIAH-GAL para informar sobre as novidades relacionadas coas infraestruturas europeas de investigación CLARIN e DARIAH e as Humanidades Dixitais en xeral.
Vítor Míguez, novo coordinador de CLARIAH-GAL
10/02/2026, Instituto da Lingua Galega
O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acordou por unanimidade, nunha reunión que tivo lugar o 10 de febreiro na súa sede, propoñer o investigador Vítor Míguez como coordinador de CLARIAH-GAL. O reitor aprobou o seu nomeamento con efectos desde o 16 de febreiro de 2026.
Míguez desenvolve a súa investigación na gramática do galego desde a lingüística de corpus, unha liña que conecta directamente cos obxectivos de CLARIAH-GAL: integrar recursos, ferramentas e tecnoloxías lingüísticas ao servizo das humanidades dixitais.





