Sae do prelo o volume VIII do Atlas Lingüístico Galego con 3700 variantes léxicas
Data:
xoves, Xullo 31, 2025 - 09:00
Imaxe:

O Instituto da Lingua Galega (ILG) vén de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e a Editora USC, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas.
O novo tomo, coordinado polos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado. O volume recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados.
Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polos investigadores (usos das variantes, vixencia das formas, matices de significado, etc.). Por exemplo, para o concepto de ‘tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia’ recolléronse tres variantes básicas (morriña, soidades e señardá) que mostran unha distribución bastante compacta; para o significado ‘composición en verso que se canta’ a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é forma de uso común sobre todo no sur da provincia de Pontevedra.
O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.
Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do ALGa. Así, no ano 1990 publicouse o primeiro dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal; no ano 1995 publicouse o segundo volume, dedicado ao estudo da Morfoloxía non verbal; entre 1900 e 1999 publicouse o terceiro, dedicado a Fonética; o cuarto volume publicouse en 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; en 2006 viu a luz o V volume, dedicado a O ser humano; en 2016 presentouse o sexto volume baixo o titulo Léxico. Terra, plantas e árbores; en 2021 presentouse o VII volume, dedicado a O ser humano (II). O VIII volume presentado hoxe, O ser humano (III), pecha a serie dos tres dedicados ao léxico relacionado co ser humano.
O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.
Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Fundación Barrié.